Creación da Estratexia de reordenación e integración ambiental
A estratexia de restauración busca achegar unha solución coherente a todo o tramo do río, que flúa como un catalizador de esforzos para restaurar o ecosistema, reducir o risco de inundación e adaptar sustentablemente o río que conforma unha barreira no propio centro do municipio de Outes. Esa estratexia, que se desenvolverá no seo da UDC e baixo a coordinación de profesores do Departamento de Proxectos arquitectónicos, urbanismo e composición, coa colaboración da área de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), irá desde resolver o problema xeral da creación dunha estratexia de deseño sustentable e circular, ata a resolución concreta desde a perspectiva do deseño de problemáticas detectadas como a demolición de vivendas para a recuperación de espazo de río e a creación de espazo de bosque autóctono de ribeira.
O paso inicial para conseguir esa redución do risco de inundacións é tratar e desenvolver nas aulas, analizando os plans existentes no Concello de Outes, como son o PXOM e o Plan de Acondicionamento do río Tins. Esta análise académica contará desde a perspectiva global das tres universidades que forman parte das entidades do proxecto (UDC, USC e Universidade de Vigo), para analizar as necesidades da morfoloxía do propio río, das especies de fauna e flora, e todo en plena convivencia coa realidade da trama urbana deste concello (cabe destacar a posición central do edificio). Esta estratexia, enmarcada como un paso previo importante e, en concreto, a acción A, marcará un índice claro que organice e unifique o resto das actuacións formuladas.
Fomento da biodiversidade asociada ao río
A fragmentación lonxitudinal representa unha das ameazas principais sobre os ecosistemas fluviais, tanto na súa estructura como no seu funcionamento, debido á cantidade de barreiras transversais que afectan, entre outros, ao réxime de caudais e transporte de sedimentos, química e temperatura da agua, fluxos de nutrientes, biota e servizos ecosistémicos. Está amplamente documentado na literatura científica que as barreiras fluviais teñen un impacto catastrófico na biota dos ríos, e particularmente significativo sobre as comunidades e poboacións de peixes, incluídas algunhas especies emblemáticas de peixes migratorios en alto risco de extinción (ex.: salmón, anguía, etc.) e na flora protexida. Por outra banda, en España, as barreiras transversais e a súa xestión tamén son probablemente unha das principais causas do retroceso de distintas especies vulnerables de ciprínidos endémicos e do avance de numerosas especies exóticas invasoras. O proxecto promoverá a xestión adaptativa das barreiras artificiais presentes no río Tins como presas e tostas, unha vez realizado un estudo de inundacións, co fin de mellorar a continuidade e o seu estado ecolóxico ao compatibilizar a redución do impacto ambiental e a xestión da auga. A xestión das barreiras é necesaria no contexto dunha restauración de ecosistemas máis efectiva e unha optimización do capital natural. Ademais, crearanse illas de biodiversidade nas extensas zonas onde só se presenta céspede, de forma compatible co uso destas zonas para o lecer e o recreo e incluso favorecendo o seu uso mediante a compartimentación de espazos con vexetación para o descanso. As illas de biodiversidade contribúen á restauración ecolóxica das nosas zonas verdes, favorecendo a presenza de flora e fauna beneficiosa que forma parte das cadeas tróficas e/ou que intervén no control biolóxico doutras especies. Basearanse, principalmente, en áreas onde se acondicionarán bandas florais e refuxios -composteiros de follas, madeiras en descomposición, hoteis de insectos, vexetación autóctona, etc.-, facilitando así a existencia de alimento e de zonas de refuxio e nidificación. Este tipo de actuacións beneficia enormemente os organismos polinizadores, fundamentais para a nosa existencia. Aproveitarase a madeira de cortas e tallas de caducifolias para fomentar o establecemento de coleópteros (ex.: o endemismo ameazado Lucanus cervus) e realizaranse accións de propagación de fentos termófilos (xéneros Dryopteris, Woodwardia e Hymenophyllum) nos hábitats restaurados, atendendo aos niveis de diversidade xenómica que garantan a súa perdurabilidade a medio e longo prazo, segundo as directrices do Ministerio de Transición Ecológica para reintroduccións e reforzamentos.
Recuperación do bosque de ribeira
Identificaranse os grupos implicados no proceso de deterioramento, recuperación e uso do río. Realizaranse enquisas de percepción social nestes colectivos, valorando a situación actual do río e as accións que hai que realizar. Os resultados permitirán coñecer os puntos febles e fortes de cada colectivo sobre a saúde do río e abordar a seguinte etapa co maior consenso posible da cidadanía e grupos implicados. A posteriori, realizaranse actividades de reforestación con especies autóctonas de ribeira en coordinación co voluntariado organizado pola Fundación Montescola. O obxectivo é minimizar a fragmentación ecolóxica, xerando unha continuidade na vexetación de ribeira, facilitando a función do río como corredor de biodiversidade.
Limpeza e mantemento da canle fluvial
Co obxectivo de conservar e mellorar, no posible, o estado do río á vez que minimizar o risco de inundacións, realizaremos distintas operacións sinxelas de conservación do noso río, como son a limpeza de residuos, entullos, lixo e desbrozas. Estas actividades, xunto coa eliminación de barreiras transversais e a retirada de especies invasoras, tamén se inclúen nos Plans de Xestión do Risco de Inundación (PXRI), que recollen a importancia de conservar e manter os leitos en boas condicións hidromorfolóxicas. Esta limpeza coordinada desde o concello abarcará a retirada de residuos asimilables a urbanos (lixo, entullos, electrodomésticos, mobles, etc.), como reflicte a Lei reguladora de Bases de Réxime Local. Dentro desta limpeza ordinaria incluirase a retirada de determinados tipos de vexetación, só se pola súa densidade puidese dar lugar a problemas de tipo sanitario, tapóns, malos cheiros por xerar estancamento, etc. Esta limpeza estenderase a todo aquel espazo dentro do municipio que sufra a influencia da poboación, ben sexa o contorno máis próximo á zona urban por onde pode discorrer o leito, ben o merendeiro e zonas recreativas xunto ao leito. Paralelamente, estableceranse actividades regulares de voluntariado ambiental coordinadas desde a Fundación Montescola (unha cada 6 meses). Estas actividades permitirán ademais aumentar o coñecemento do río Tins para valorar a importancia do ecosistema fluvial na zona e a riqueza natural que pode albergar. Promoverase o contacto co río como espazo natural do que gozar dentro da comarca, implicando a poboación local no seu mantemento e conservación mediante a habilitación dunha canle directa de contacto co concello para a vixilancia ambiental, onde a cidadanía poderá enviar fotos e denuncias de puntos do río onde detectase a necesidade de intervir mediante limpeza de residuos ou onde se observase a presenza de calquera irregularidade sobre o leito, como verteduras ou potenciais escombreiras que poidan afectar á calidade das augas. A Fundación CEER tamén tomará unha pequena parte nesta actividade para a asistencia ás xornadas, a realización de fotos e a coordinación co concello e coa Fundación Montescola respecto aos contidos das actividades informativas de cara ao público.
Eliminación de especies invasoras e exóticas potencialmente problemáticas
Realizaranse seis xornadas de eliminación de especies invasoras e exóticas coordinadas pola Universidade de Vigo (UVigo), en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Montescola e as súas brigadas de voluntarios, con ampla formación na eliminación de plantas exóticas invasoras, como por exemplo diferentes especies do xénero Acacia, Tradescantia fluminensis e xénero Crocosmia. Así mesmo, realizaranse 6 actividades informativas cidadás de especies exóticas e a elaboración e colocación de paneis divulgativos no paseo fluvial, nos que colaborarán Fundación Montescola, USC, UVigo e Concello de Outes. A Fundación CEER tamén tomará unha pequena parte nesta actividade para a asistencia ás xornadas, a realización de fotos e a coordinación co concello, a UVigo e a Fundación Montescola respecto ás actividades informativas e á colocación de paneis. As xornadas informativas conterán aspectos básicos para que a cidadanía comprenda e apoie as accións, como unha introdución á problemática das especies exóticas invasoras e de que xeito nos afectan. Realizaranse enquisas de percepción social dos efectos das especies invasoras ao inicio das actividades e unha vez finalizadas as actuacións, para avaliar o coñecemento dos participantes e comprobar o grao de éxito das actividades. Tamén se tratará o papel e interese dos municipios na prevención, control e erradicación de especies exóticas invasoras, así como a importancia da participación pública para detectar e avisar sobre calquera anomalía presente nos nosos ríos.
Plan de gobernanza e participación
Entre todos os procesos participativos que se poden desenvolver, aqueles que están ligados aos entes locais son os que teñen un maior potencial e os que adoitan resultar máis gratificantes. Cando se consultan coa cidadanía cuestións relacionadas co seu contorno máis próximo (urbanismo e mobilidade, plans de desenvolvemento, xestión de servizos públicos, etc.) conséguese un elevado nivel de resposta e as achegas recollidas resultan de grande utilidade. Ademais, a participación da cidadanía no ámbito local incrementa o grao de información e reforza a implicación nas accións resultantes do proceso. Unha poboación acostumada a participar en procesos con calidade adoita desenvolver unha crítica construtiva que xera valor no territorio e permite avanzar de forma conxunta.
Para poder deseñar un bo plan de gobernanza e participación pública é preciso deseñar unha boa Fase informativa, onde se informe das problemáticas que atopamos, das actuacións que se queren realizar e por que. Con este fin desenvolverase na páxina web do proxecto e do concello un expediente informativo sobre o proxecto cunha linguaxe clara e comprensíbel a nivel xeral. Ademais, realizaranse impresións de folletos con esta información para que a xente maior teña acceso a eles e poñeranse a disposición en diferentes establecementos con gran concorrencia ao longo da vila, ademais de no concello e a súa distribución noutros edificios públicos (colexios, centros de ocio, centros médicos, etc.). Con esta información realizarase unha primeira convocatoria para unha sesión presencial de información, consulta e debate na que se dará toda a información de inicio do proxecto e se atenderán as consultas, dúbidas, suxestións e inquietudes da cidadanía.
Tras estas dúas fases, convocarase a cidadanía a diferentes obradoiros con diferentes especialistas de todas as entidades implicadas nas fases previas á celebración das distintas actividades (retirada de invasoras, fomento da biodiversidade local, retirada de residuos e vixilancia, etc.) para implicar a xente en cada unha destas tarefas, ao mesmo tempo que se desenvolven actividades de participación paralela (vixilancia cidadá, rutas de interpretación ambiental,…).
Organizaranse, ademais, 3 sesións de retorno. Unha sesión de retorno correcta debería explicarlles aos asistentes as decisións tomadas respecto ás achegas recibidas e o marco de futuro con compromisos de seguimento. Na sesión de retorno final, ademais, informarase dos números en canto a participación pública nas diferentes actividades e os fitos conseguidos coa participación da cidadanía. Isto reforzará o espírito participativo e demostrará a utilidade do proceso.
Plan de comunicación e sensibilización
Elaborarase un Plan de Comunicación co obxectivo de establecer canles de comunicación adecuadas e informar ao público obxectivo do proxecto e cidadanía en xeral, con especial incidencia entre os habitantes da área de intervención das accións do proxecto. Esta estratexia de comunicación e sensibilización, coordinada pola Fundación CEER, estruturarase arredor da creación dunha web do proxecto que se relacionará coas páxinas de todas as entidades implicadas e contará cun panel de participación pública para as accións participativas do proxecto, así como sección de noticias e vínculos a redes sociais especificamente creadas.
A participación cidadá debe ser en si mesma un compoñente educativo, de concienciación, de aprendizaxe de destrezas e compromisos de acción. Estas experiencias estarán orientadas a involucrar e mobilizar voluntariado ambiental, escolares e docentes de centros educativos, persoal técnico do concello, o tecido asociativo local e comarcal e persoas expertas. Por outra parte, as experiencias serán divulgadas periodicamente en medios locais e páxinas web e redes sociais das entidades beneficiarias, co fin de facer partícipe á poboación local.
Realizaranse convocatorias para a participación cidadá nas xornadas de plantación de especies autóctonas e eliminación de invasoras. Avaliaremos o estado de saúde do bosque de ribeira do río Tins e a evolución tralas accións de reforestación a través de accións de ciencia cidadá. Disporemos dunha plataforma de ciencia cidadá en liña a través da web do proxecto. Así, crearase unha rede de gardarríos locais que, mediante fotografías xeorreferenciadas cos móbiles, permitirán implicar a comunidade nos avances na rexeneración do espazo, mediante avisos de avistamentos de especies, nova presenza de invasoras, residuos, verteduras ou árbores afectadas ou en mal estado, contribuíndo así a obter datos en tempo real e de gran detalle. O proxecto tamén buscará a participación de usuarios de drons. Todas as actividades estarán dirixidas por educadoras ambientais e persoal técnico da Fundación Montescola e das universidades, que achegarán información técnico-científica orientada aos diferentes perfís de participación (cidadanía en xeral, voluntariado, escolares,…). Adicionalmente, realizaranse 6 obradoiros de coñecemento do medio co acompañamento dos paneis instalados no río. Ademais, realizaranse materiais didácticos das especies vinculadas ao río, con observacións in situ. Colocaranse caixas niño. Deseñaranse e realizaranse actividades con escolares, como obradoiros fotográficos da biodiversidade presente no río, rutas interpretativas, obradoiros de compostaxe de especies alóctonas (aproveitando a presenza de contedores de compostaxe nas inmediacións do río, melloraranse para dedicar dous ou tres contedores á actividade de compostaxe de especies invasoras retiradas do leito, para o que contaremos con especialistas en compostaxe, obtención de substratos e fertilizantes, etc., que serán postos a disposición da cidadanía que os queira utilizar nos seus labores agrícolas). Convidarase aos e ás participantes a sementar bombas de biodiversidade e a participar na creación de illas de biodiversidade e zonas de establecemento de coleópteros endémicos e pteridófitos termófilos. Daránselles as bases do funcionamento destes refuxios e da vexetación resultante, observando con eles e con elas as melloras que mes a mes se irán observando no río. Todas estas actividades serán publicadas nunha web especialmente creada para o proxecto e as súas redes sociais, e os resultados cartográficos integraranse tamén nunha plataforma colaborativa de inventariado da biodiversidade, que será empregada para actividades de identificación de especies. Ademais, realizaranse notas de prensa que serán difundidas en medios locais, os xornais universitarios das universidades participantes (con miles de lectores diarios), e as web, redes sociais e outras canles de distribución das entidades participantes do proxecto, para multiplicar o acceso á información dos e das cidadáns/ás e potenciar a participación en todas as actividades.
Plan de medición e seguimento de indicadores
Para facer un seguimento do correcto avance do proxecto e a consecución dos diferentes obxectivos, é necesario realizar medicións periódicas dos indicadores seleccionados para cada unha das actividades deseñadas, co fin de dispor de datos obxectivos que sustenten o avance do traballo da Agrupación Renatur cara a uns bos resultados. Para facilitar a toma de decisións en función do avance no cumprimento destes obxectivos, deseñarase na web do proxecto un Panel de Medición de Indicadores, onde se vinculará cada actividade, materiais creados e publicidade asociada cunha matriz de medición de cada un dos indicadores que ha de ser actualizado periodicamente. Concretamente, cada 6 meses realizarase unha reunión física ou virtual, coordinada pola Fundación CEER, cos membros da Agrupación para a elaboración dun informe de avaliación do seguimento dos indicadores de cada actividade que se almacenará na web e poderá ser posto a disposición da Fundación Biodiversidade para informar do grao de desenvolvemento do proxecto. Para estas tarefas designarase unha persoa responsable por entidade, constituíndo así entre todas o Comité de Seguimento de indicadores de Renatur. Dentro destes traballos incluiranse cuestións transversais como a avaliación do impacto de xénero no contexto do proxecto, a participación de mulleres en cada unha das fases e actividades do mesmo e os resultados das enquisas de percepción cidadá en canto a sensibilidade ambiental, por exemplo, no caso da retirada de especies invasoras.
Panel de indicadores
Estratexia e planificación
Resultados | Acadado | Obxectivo |
N.º de estudos realizados | 2 | |
N.º de actividades para a mellora da gobernanza e participación | 2 | |
N.º de personas que participaran en actividades de gobernanza e participación | 40 | |
N.º de sistemas regulatorios/plans | 1 |
Implementación no territorio
Resultados | Acadado | Obxectivo |
Superficie (m2) de illas de biodiversidade | 300 | |
Índice de abundancia de aves e outros organismos | +20% | |
Superficie (m2) de propagación de fentos termófilos | 150 | |
N.º de plans e estratexias | 1 | |
N.º de habitantes beneficiados | 6.282 |
Resultados | Acadado | Obxectivo |
Superficie (m2) de áreas verdes creadas/restauradas/conectadas ou renaturalizadas | 20.000 | |
N.º de árbores plantadas | 257 | 300 |
N.º de arbustos plantados | 200 | |
Incremento da sensación de benestar (% persoas satisfeitas en enquisa) | 90% | |
N.º de habitantes beneficiados | 6.282 |
Resultados | Acadado | Obxectivo |
Km de río limpados | 4 | |
N.º de voluntarias participantes | 64 | 300 |
Resultados | Acadado | Obxectivo |
Km de canle obxeto do proxecto de restauración fluvial | 2 | |
Km de melloras da vexetación de ribeira | 2 | |
Especies exóticas invasoras sobre as que se actuou (n.º e nome) | 200 Acacia spp. 2000 Tradescantia | 200 Acacia spp. 1000 Tradescantia fluminensis 200 Agave americana 1000 Oxalis pes-caprae 1000 Crocosmia spp. |
Superficie de río libre de invasoras | 100% | |
N.º de voluntarias participantes | 64 | 250 |
N.º de participantes | 400 |
Accións transversais
Resultados | Acadado | Obxectivo |
N.º de actividades para a mellora da gobernanza e a participación | 2 | 3 |
N.º de persoas participando en órganos de participación | 200 | |
N.º de personas que participaran en actividades de gobernanza e participación | 92 | 400 |
N.º de correos recibidos | 400 |
Resultados | Acadado | Obxectivo |
N.º de accións de comunicación e sensibilización realizadas | 7 | 24 |
N.º de publicacións en redes sociais | 60 | |
N.º de visitas á web | 400/mes | |
N.º de persoas participantes | 400 | |
N.º de materiais de divulgación e sensibilización | 40 | |
N.º de escolares participantes | 235 | 120 |
N.º de impactos en medios de comunicación | 59 | 32 |
Resultados | Acadado | Obxectivo |
N.º de informes de seguimento | 6 | |
N.º de instrumentos de avaliación de impacto de xénero | 1 | |
N.º de informes de avaliación | 7 |