Categorías
Noticias

Bota a andar o proxecto de renaturalización do río Tins

O proxecto Renatur_Outes ten como obxectivo renaturalizar o río Tines ao seu paso polo concello de Outes (A Coruña). Esta iniciativa, subvencionada pola Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, e coordinado polo Centro de Estudos Euro-Rexionais de Galicia e Norte de Portugal (CEER) contará coa participación activa de expertos das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, así como coa Fundación Montescola.

Dentro das actividades deseñadas para o Renatur_Outes e coordinada polo departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Universidade da Coruña e o Concello de Outes, realizarase unha estratexia de reordenación e integración ambiental. Desenvolveranse tamén actividades de fomento da biodiversidade asociada ao río como a xestión adaptativa de barreiras transversais, creación de illas de biodiversidade, asentamentos de coleópteros ou propagación de fentos termófilos, coordinadas polo departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo e polo Grupo de Investigación de Análise e Conservación da Biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela.

Acometeranse así mesmo, lideradas pola Fundación Montescola, accións de recuperación de bosque de ribeira, eliminación de especies exóticas e invasoras, como Acacia spp ou Tradescantia fluminensis, limpezas do río e incluirá unha importante batería de accións de formación e divulgación á poboación da contorna, liderada pola Fundación CEER e o Concello de Outes, de voluntariado ambiental e de participación pública da cidadanía de Outes con actividades de ciencia cidadá, de coñecemento do medio, rutas medioambientais, xornadas de plantación de bombas de biodiversidade, talleres con escolas, asembleas de información cidadá e participación pública.

O proxecto arranca este mes de setembro e se desenvolverá até finais de 2025 cun orzamento de preto dun millón de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *