Categorías
Noticias

Retiramos falsa acacia e lixo na XVIII Limpeza Simultánea de Ríos

O domingo 21 de setembro o voluntariado fluvial do proxecto ReNatur_Outes botouse de novo á ribeira do río Tins na Serra de Outes para continuar a eliminación de pes de falsa acacia (Robinia pseudoacacia), especies exótica invasora da que xa restan apenas media ducia de exemplares na parte posterior do CEIP de Outes. Ao longo do proxecto retiráronse máis de 5 toneladas de madeira desta especie.

Ademais, a xornada encandrábase na XVIII Limpeza Simultánea de Ríos do Proxecto Ríos que coordena desde 2008 o Proxecto Ríos de ADEGA, aproveitando para retirar case 100 kg de lixo da zona de actuación, incluíndo residuos voluminosos aínda presentes desde as cheas do inverno pasado.

A acción deste domingo tiña así o dobre obxectivo de continuar retirando residuos mentres se controlaron rebrotes de especies exóticas invasoras como a falsa acacia, o bambú, a tradescantia ou a crocosmia, sobre as que tamén se leva actuando intensamente desde o inicio do proxecto.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *