Categorías
Noticias

O río Tins no 1º Encontro Iberoamericano de RCEs

O río Tins e a súa Declaración de Dereitos foron discutidos esta semana no 1º Encontro Iberomericano de Centros Rexionais de Competencia en Educación para o Desenvolvemento Sostible (RCEs), un evento organizado en Bilbao por UN ETXEA e a Cátedra UNESCO da Universidade de Deusto, como parte do proxecto Factoría 4.7 – Plataforma Iberoamericana de Educación para o Desenvolvemento Sostible (EDS).

Na presentación Los derechos de la naturaleza desde una comunidad local: el caso del río Tins (Galicia) expúxose o proceso que levou á adopción da Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá, aprobado por unanimidade do pleno en 2024, como exemplo do recoñecemento dos Dereitos da Natureza e de como estes contribúen para o desenvolvemento sostible.

No coloquio posterior, explicouse en detalle a abordaxe da participación e gobernanza do proxecto ReNatur_Outes, así como o funcionamento do Consello Fluvial creado a partir da Declaración de dereitos do río.

Proxecto ReNatur_Outes

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *