Categorías
Noticias Plantacións

O campamento de Nadal de Outes volta ao río Tins

As nenas e nenos do campamento Tempo de Nadal 2025-26 do programa Outes Concilia despidiron o ano contribuindo ao proxecto de renaturalización do río Tins ao seu paso pola Serra de Outes (ReNatur_Outes).

O venres 26 foron as protagonistas dunha actividade guiada polas monitoras do campamento e técnicas de Montescola, na que plantaron carballos á beira do río e construíron un hibernáculo de réptiles, deseñado para resgardar as poboacións presentes no Tins.

As cativas aprenderon sobre os réptiles e escarabellos da zona visitando un dos refuxios de insectos instalados nas proximidades do río. Tamén conseguiron identificar varias especies exóticas invasoras axudando a eliminar unha das manchas de Tradescantia fluminensis da zona fluvial. Con esta acción, contribuise ás medidas de restauración dos habitats e especies de ribeira do río Tins.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *