Devolverlle á contorna fluvial o seu carácter natural, mellorar o bosque de ribeira e promover a biodiversidade do río Tins ao seu paso polo núcleo urbano. Con estes obxectivos naceu ReNatur_Outes, unha iniciativa que mostra como a colaboración entre universidade, administración local, fundacións e cidadanía pode contribuír a un territorio máis sostible e resiliente.
O proxecto, no que participou pesoal investigador das tres universidades públicas galegas, o Concello de Outes, a Fundación CEER e Montescola, ven de presentar na Facultade de Bioloxía da USC os seus resultados finais depois de tres anos de traballo conxunto.








“Renatur_Outes consolídase como un modelo eficaz e replicable que conecta a acción local cos grandes retos europeos de transición ecolóxica”, sinalou Inês Gusman, directora da Fundación CEER, entidade encargada de coordinar o proxecto. Ademais, subliñou que “a recuperación do río Tins e do seu bosque, guiada polo coñecemento científico e pola participación cidadá, demostra que esta transición se constrúe desde o territorio, integrando ciencia, comunidade e natureza. Os resultados acadados confirman que a colaboración entre diferentes universidades, a administración local e entidades como a Fundación CEER e Montescola permite transformar coñecemento en acción e compromiso en resultados”. Para Gusman, “iniciativas como Renatur_Outes abren camiño cara a un territorio con máis biodiversidade, no que a restauración ecolóxica actúa como motor de transformación territorial e benestar colectivo”.
Ao longo destes anos, o proxecto acadou avances significativos:
- Máis de 20.000 m2 de áreas verdes creadas ou restauradas
- 2 km de cauce fluvial restaurados
- Máis de 4 km de río limpo
- 300 m² de illas de biodiversidade xeradas
- Máis de 600 persoas participantes en accións de voluntariado ambiental
- Máis de 800 persoas implicadas en procesos de gobernanza e participación social
Recuperación Ecolóxica e eliminación de invasoras
Na xornada presentaronse os avances en biodiversidade e ecoloxía e analizáronse as diversas actuacións realizadas para a mellora da conectividade do leito fluvial, recuperación do bosque de ribeira e o control de especies invasoras como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia.
Estas accións permitiron reducir a presión das invasoras e favorecer a rexeneración da vexetación autóctona de ribeira.
Participación cidadá e voluntariado
Durante a sesión abordouse tamén a dimensión social do proxecto. Ao longo destes anos organizáronse numerosas xornadas de voluntariado, actividades de educación ambiental e sesións de gobernanza para implicar á propia veciñanza de Outes.
Máis de 600 persoas participaron directamente en accións de voluntariado, mentres que máis de 800 tomaron parte en procesos de gobernanza e diálogo social vinculados á transformación do río.
Esa participación foi fundamental para establecer prioridades e poder axustar as intervencións á realidade social do concello.
Próximas xornadas
A xornada celebrada hoxe forma parte dun ciclo que continuará nas restantes universidades galegas participantes:
- Universidade de Vigo – 6 de marzo, ás 10.30 h
- Universidade da Coruña – 13 de marzo, ás 10.30 h
Renatur_Outes é froito da colaboración entre o ámbito universitario, o Concello de Outes e as fundacións CEER e Montescola. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – Next GenerationEU.
