O proxecto ReNatur_Outes ven de publicar un Estudo técnico, histórico, paisaxístico e ambiental do estado actual do río Tins no ámbito urbano de Outes realizado pola Universidade da Coruña no primeiro semestre de 2023. O estudo está enmarcado na acción A1 de Creación da estratexia de reordenación e integración ambiental do proxecto Renatur_Outes e pode descargarse desde a páxina de publicacións desta web.
Trátase dunha análise pormenorizada dende o punto de vista: (i) histórico, a través da historia do entorno e da evolución do ámbito de actuación no tempo; (ii) técnico, profundindo na definición e xestión urbanística do espazo, na lexislación hidrolóxica e no estudo dos proxectos de modificación do propio río e o seu leito; e (iii) paisaxístico, isto é, artístico e ambiental.
O obxectivo do estudo é profundar no coñecemento do ámbito do río Tins e servir de base para a elaboración do futuro Plan Estratéxico de Reordenación de Espazos e Integración Ambiental do Río Tins. En paralelo, dende a Universidade da Coruña, estase a levar a cabo un proceso de deseño enfocado a comprender e analizar os problemas do estudo, un proceso académico co alumnado e profesorado da materia de Proxectos 9 do grao en Estudos de Arquitectura da Universidade da Coruña e un proceso participativo no lugar do proxecto. Froito destes procesos dará lugar o Plan estratéxico.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.