O venres 15 de decembro celebrarase, a partir dás 17:00 no Centro Social da Serra de Outes, o Foro do río Tins no marco do proxecto ReNatur_Outes. Trátase dunha actividade aberta a todo o público coa que se quere dar voz á veciñanza e ao tecido asociativo local para que esta sexa partícipe nas estratexias de conservación e mellora do espazo fluvial.
O foro comezará cunha introdución, na que o equipo de proxecto fará un repaso dos eixos principais desta iniciativa de renaturalización fluvial desenvolvidas ata o momento. A continuación celebrarase unha sesión de gobernanza co obxectivo de consensuar coas persoas participantes unha proposta de “Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá”.
Tamén se dará conta das achegas realizadas nas semanas previas pola comunidade educativa, colectivos locais e persoas a título individual, unha vez que a proposta de declaración está aberta a comentarios tanto desde a web do proxecto como fisicamente na Casa do Concello.
Ao finalizar a sesión celebraremos a adopción da Declaración de Dereitos do río Tins cuns petiscos, polo que pregamos confirmar a participación no email info@montescola.org
Esta é a primeira vez que desde un concello se recoñecerán os dereitos dun elemento natural, dotándoo dunha carta no que se recoñecen desde o dereito a non ser contaminado ou danado por actividades humanas ata o dereito á protección e conservación. A proposta de declaración tamén recolle os compromisos da veciñanza das ribeiras do Tins así como das súas institucións, incluíndo os de actuar en caso de calquera violación dos dereitos do río e a participar na súa conservación e mellora.
A Declaración encádrase nas experiencias internacionais de recoñecemento dos dereitos da natureza, estabelecendo dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas. Xa son máis de 30 os países nos que se adoptaran instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a determinados cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o río Buriganga en Bangladesh ou o río Atrato en Colombia. O Tins será o primeiro río de todo o Estado ao que se lle recoñecen os seus dereitos, logo de que en 2022 se recoñecese a lagoa do Mar Menor como un ecosistema como suxeito de dereitos.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental, isto último mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes ao longo de toda a vida do proxecto mediante a celebración de sesións de gobernanza. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, senón tamén xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto para manter vivo o seu legado.