Os sábados 17 e 24 de febreiro continúan as intervencións de voluntariado ambiental para a renaturalización flivial do río Tins no Concello de Outes, como parte do proxecto Renatur_Outes. Desta volta as persoas participantes nestas accións abertas ao público de todas as ideas plantarán varios centos de freixos (Fraxinus excelsior) e ameneiros (Alnus glutinosa), árbores frondosas propias dos bosques de ribeira, a carón do río Tins ao seu paso polo núcleo urbano da Serra de Outes.
O obxectivo da acción é dobre: consolidar os noiros do río para evitar erosión e danos durante os episodios de enchentes e contribuir á recuperación dos ecosistemas de ribeira, pois estas árbores teñen unha especial importancia como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados.
Pódese apuntar calquera persoa e de calquera idade enviando un email a info@montescola.org ata o día antes de cada unha das xornadas. En ambos os dous casos os traballos comezarán ás 10:00 e seguiranse ata as 12:30 aproximadamente, momento no que se oferecerá un pequeno petisco ao voluntariado participante. O punto de encontro será a Casa da Cultura da Serra de Outes.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.