Este sábado 17 o voluntariado ambiental do proxecto ReNatur_Outes plantou 115 freixos, ameneiros e pradairos na ribeira do Tins, cos que se contribúe a renaturalizar o treito urbano do río ao seu paso pola Serra de Outes. Foron 15 voluntarias de todas as idades, que gozaron dun día solleiro e un merecido aperitivo no final da xornada.
O obxectivo da acción é dobre: consolidar os noiros do río para evitar erosión e danos durante os episodios de enchentes e contribuir á recuperación dos ecosistemas de ribeira, pois estas árbores teñen unha especial importancia como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados. O proxecto ReNatur_Outes plantará 300 árbores e 200 arbustos nas próximas xornadas.
As plantacións continuarán o seguinte sábado, 24 de febreiro, e están abertas á participación do público en xeral, de calquera idade, sendo só necesario enviar un email a info@montescola.org ata o venres 23. A nova xornada comezará ás 10:00 e seguirá ata as 12:30 aproximadamente, momento no que se oferecerá un pequeno petisco ao voluntariado participante. O punto de encontro será a Casa da Cultura da Serra de Outes.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.