Un cento de nenas e nenos do CEIP Plurilingüe de Outes participaron este mércores 28 de febreiro nunha acción para convertir nun bosque de ribeira parte do patio escolar, colindante co río Tins. As escolares plantaron ducias de freixos, ameneiros, pradairos, sabugueiros, bidueiros e érvedos, contribuíndo á renaturalización da contorna e a crear un espazo máis acolledor para a biodiversidade a as propias nenas e nenos.
A plantación realizouse coa colaboración do proxecto ReNatur_Outes e forma parte do esforzo por recuperar a vexetación de ribeira ao longo do treito urbano do río Tins na Serra de Outes, plantando 300 novas árbores e 200 arbustos. As árbores plantadas non só ofrecerán sombra e un espazo de xogos para as próximas xeracións escolares, máis tamén sirvirán como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados.
Imaxes de drone e vídeo cortesía de Rober Vilela
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.