Esta semana o pleno do Concello de Outes fixo historia ao acordar por unanimidade a Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da súa comunidade ribeirá, un texto que fora consensuado pola veciñanza o pasado 15 de decembro logo dun proceso participativo, e que agora adoptou formalmente a corporación municipal.
Trátase da primeira vez que un concello recoñece expresamente os dereitos dun elemento natural, neste caso os do río Tins, incluíndo o dereito á protección e á conservación, ou a non ser danado nin contaminado. A Declaración aprobada o 29 de febreiro tamén asume unha serie de compromisos colectivos para asegurar que estes dereitos son respectados.
A Declaración inclúe 10 dereitos e 14 compromisos que xurdiron das discusións nas que participou o tecido asociativo local, a comunidade educativa e a veciñanza a título individual, así como representantes do propio Concello de Outes e das institucións que participan do proxecto ReNatur_Outes, de cuxo proceso xurdiu a Declaración agora aprobada.
A Declaración pretender servir como marco para orientar as políticas públicas relativas á xestión do espazo fluvial do río Tins e tamén como referente para iniciativas da propia sociedade civil, comunidade educativa e do tecido empresarial do concello, que xa está a traballar en diversas iniciativas asociadas ao coidado e posta en valor de todo o que representa o Tins.
A Declaración encádrase nas experiencias internacionais de recoñecemento dos dereitos da natureza, estabelecendo dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas. Xa son máis de 30 os países nos que se adoptaran instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a determinados cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o río Buriganga en Bangladesh ou o río Atrato en Colombia. O Tins será o primeiro río de todo o Estado ao que se lle recoñecen os seus dereitos, logo de que en 2022 se recoñecese a lagoa do Mar Menor como un ecosistema como suxeito de dereitos.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental, isto último mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes ao longo de toda a vida do proxecto mediante a celebración de sesións de gobernanza. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, senón tamén xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto para manter vivo o seu legado.