Categorías
Noticias

Nova data para xornada de voluntariado: domingo 12 de maio

Dado o temporal previsto para o 4 de maio, adíase a xornada de voluntariado ambiental para o domingo 12 de maio. As inscricións están abertas ata o venres 10 de maio. Na intervención eliminaremos as árbores exóticas invasoras presentes en todo o tramo urbano da ribeira do río Tins na Serra de Outes. A actividade, que se enmarca no proxecto ReNatur_Outes, pretende eliminar un cento de exemplares de acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata), robinia (Robinia pseudoacacia) e eucalipto (Eucalyptus globulus) das marxes contribuíndo así a renaturalizar este espazo natural de grande valor. A acción compleméntase coas realizadas no pasado inverno, coas que se plantaron case 300 árbores e máis dun cento de arbustos na zona de ribeira.

A xornada de voluntariado está aberta á participación do público en xeral, de calquera idade, e forma parte da programación da Semana Ibérica sobre Especies Invasoras de 2024, que engloba máis dun cento de actividades en toda a península. Para participar só é necesario enviar un email a info@montescola.org ata o venres 10 de maio. A xornada comezará ás 10:00 e seguirá ata as 13:00 aproximadamente, momento no que se oferecerá un pequeno petisco ao voluntariado participante. O punto de encontro será a Casa da Cultura da Serra de Outes.

Os traballos, que xa comezaron en días previos abatendo as árbores de maior porte, incluirán a elaboración de cadeiras a partir dos toros con destino ao patio deseñado polas nenas e nenos do CEIP Plurilingüe de Outes.

Liderado polo Concello de OutesRenatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *