Este ano Outes inclúe entre a súa programación do Día das Letras Galegas unha actividade na que se combinará a recollida de lixo nas ribeiras do Tins cunha homenaxe literaria ao río que vertebra o concello. A actividade, que se enmarca no proxecto ReNatur_Outes, terá lugar de 10:00 a 13:00 na mañá do 17 de maio, e está aberta a todos os públicos e idades. Recollerase lixo no treito final do río ata a súa desembocadura no Esteiro do Tambre, espazo da rede Natura 2000.
Para participar só é necesario enviar un email a info@montescola.org ata o xoves 16 de maio. Ao finalizar a recollida de residuos oferecerase un pequeno petisco ao voluntariado participante no exterior da Casa da Cultura da Serra de Outes, momento no que se realizará un percorrido literario pola pegada dos ríos na literatura galega, comezando polo poeta Francisco Añón, como homenaxe ao Tins.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.