Éxito absoluto da primeira xornada de voluntariado ambiental de eliminación de arborado de especies exóticas invasoras no río Tins, organizada o domingo 12 de maio como parte do proxecto ReNatur_Outes. Na actuación eliminouse un grande exemplar de acacia negra (Acacia melanoxylon), de case 3 toneladas, coa participación de 16 voluntarias e voluntarios.
Os traballos, que xa comezaron en días previos abatendo as árbores de maior porte, incluiron a elaboración de cadeiras a partir dos toros con destino ao patio deseñado polas nenas e nenos do CEIP Plurilingüe de Outes. Tamén se aplicou a técnica de descasque nos tocóns para eliminar por completo estas especies.
As actividades continuarán nos próximos meses para eliminar a totalidade de exemplares de mimosa (Acacia dealbata), robinia (Robinia pseudoacacia) e eucalipto (Eucalyptus globulus) das marxes do Tins contribuíndo así a renaturalizar este espazo natural de grande valor. A acción compleméntase coas realizadas no pasado inverno, coas que se plantaron case 300 árbores e máis dun cento de arbustos na zona de ribeira.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.