Categorías
Noticias

50 voluntarias limpan a ribeira do Tins en Outes

Na tarde deste venres 19 de xullo medio cento de participantes, a maior parte do Grupo Scout San Jorge 33 da Coruña, uníronse á xornada de voluntariado ambiental para a renaturalización do entorno fluvial do río Tins, na Serra de Outes. Desta volta o obxectivo era apañar o lixo das súas marxes, recolléndose 5 kg de plásticos e outros residuos.

Tamén se continuou coa eliminación de árbores exóticas invasoras, derramando e torando 3 toneladas de eucalipto e controlando a presenza de acacia negra e (Acacia melanoxylon) presente nas marxes. Durante a xornada, que se enmarca no proxecto ReNatur_Outes, realizáronse varias dinámicas explicando o problema das especies exóticas invasoras presentes no río Tins, axudando a identificálas e introducindo os distintos métodos para a súa eliminación.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *