O proxecto de renaturalización do río Tins en Outes non para en agosto e programa para o martes día 6 a primeira de varias accións previstas para este mes. Na xornada, prevista entre as 10:00 e as 13:00, continuaráse eliminando especies exóticas invasoras e retirando lixo nas ribeiras do treito final do río, ata a súa desembocadura no Esteiro do Tambre, en Rede Natura 2000. Arrincaranse manualmente exemplares de plantas invasoras como a tradescantia ou a crocosmia e descascaranse os exemplares de eucalipto, acacia e robinia para facilitar que sequen antes da corta e retirada destas árbores.
A actividade está aberta a todos os públicos e idades. Para participar só é necesario enviar un email a info@montescola.org ata o luns 5 de agosto. O punto de encontro será o exterior da Casa da Cultura da Serra de Outes.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.