Máis de trinta voluntarias de todas as idades participaron este martes 6 nunha intervención destinada a erradicar das ribeiras do río Tins en Outes as numerosas poboacións de plantas do xénero Crocosmia, unha especie invasora que despraza a flora autóctona afectando os hábitats fluviais. A acción fixo parte do proxecto de renaturalización do río Tins en Outes e nela aproveitouse para retirar máis de 10 kg de lixo, a maioría plásticos, das marxes do treito urbano na Serra de Outes.
O grupo estaba formado por 27 nenas, nenas e adolescentes de entre 4 e 17 anos que forman parte da Escola Ambiental AMABUL, acompañadas das súas monitoras e persoal da Fundación Montescola e do Concello de Outes. A retirada de Crocosmia, fácil de identificar nesta época do ano polas súas flores alaranxadas, é complexa pola necesidade de eliminar a totalidade dos bulbos de cada planta. Por iso, trátase dun traballo delicado e laborioso, máis as cativas de AMABUL demostraron ser todas unhas expertas.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.