Outes dá un paso máis para levar á práctica os compromisos asumidos na Declaración de Dereitos do río Tins, aprobada por unanimidade do pleno do Concello de Outes o pasado mes de febreiro. O texto, no que por primeira vez se lle recoñecen os dereitos a un río no noso país, asumía o compromiso de garantir a participación da veciñanza na gobernanza e nas decisións que se adopten sobre o río Tins e as súas ribeiras.
Por iso, como parte do proxecto de renaturalización do río Tins, o próximo sábado 17 de agosto bota a andar o Consello Fluvial do río Tins, un órgano de participación co se pretenden recoller as ideas e propostas da veciñanza tanto sobre as accións que se están realizando como sobre as distintas intervencións a executar na zona fluvial.
O lanzamento fíxose coincidir coa 5ª edición da Feiriña da Serra de Outes, que terá lugar de 11:00 a 21:00, aproveitando a concorrencia da veciñanza, pois nesta primeira fase irase desenvolver un proceso de escoita activa para recoller o máximo número posible de propostas, críticas e ideas. Estas achegas serán analizadas, organizadas e discutidas de xeito máis profundizando nas seguintes sesións que se convocarán ao longo do próximo ano.
Un modelo de participación innovador
O deseño do Consello Fluvial do río Tins quixo fuxir da estrutura tradicional dos órganos consultivos das administracións, nos que se designan unha serie de integrantes permanentes e se establece un esquema de funcionamento burocrático. Para iso, partiu das propostas achegadas durante as dúas sesións de gobernanza organizadas en 2023, nas que moitas participantes apuntaron as dificultades de participar con esquemas ríxidos.
O Consello Fluvial será aberto á participación de toda a veciñanza e axentes sociais, e ademais de sesións plenarias, contará con sesións sectoriais (dirixidas a determinados grupos de interese), sesións asíncronas (convocadas durante un determinado período de tempo no que se producen múltiples encontros descentralizados para discutir un asunto coa poboación en xeral ou con determinados grupos de interese), sesións telemáticas (nas que se recadará o parecer da poboación en xeral ou de determinados grupos mediante medios electrónicos complementados con alternativas en papel) e sesións abertas, como a prevista para o próximo sábado.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.