Os días 18 e 21 de setembro o voluntariado do proxecto ReNatur_Outes botouse de novo ao río Tins para continuar co proceso de eliminación de especies exóticas invasoras e recollida de lixo nas súas ribeiras. O mércores 18 contamos con 16 participantes do proxecto EURebirth, procedentes de Italia, Croacia e Romenia, coas que se abateron parte dos eucaliptos do parque de Vista Alegre, en Rede Natura 2000, ademais de recoller lixo ao longo da marxe esquerda do río. Algúns dos exemplares de eucalipto tiveron que derramarse en pé para evitar danos ao arborado autóctono e mobiliario urbano circundante, contando coa inestimábel colaboración do equipo de traballadores do guindastre do Concello de Outes.
No día seguinte, técnicas da Universidade da Coruña e da Fundación Montescola presentaron detalladamente o proxecto ReNatur_Outes aos alcaldes e técnicos municipais dos concellos de Capizzone (Italia), Vrgorac (Croacia), Alba Iulia (Romenia), Ludbreg (Croacia) e Alzano Lombardo (Italia), explicando tanto o proceso polo que se adoptou a Declaración de Dereitos do Río Tins como o Plan Estratéxico de reordenación de espazos e integración ambiental do río Tins.
O sábado 21 o traballo de voluntariado centrouse na rúa Doutor Esperante, na parte posterior do CEIP de Outes. Ademais de abater e descascar varias falsas acacia (Robinia pseudoacacia) e retirar o manto de tradescantia (Tradescantia fluminensis) presente por volta dun transformador eléctrico, recolléronse 100 kg de residuos. Tamén se realizou unha primeira acción de eliminación dun bosquete de bambú dourado (Phyllostachys aurea). Desta volta participaron máis dunha ducia de voluntarias. Os toros dun dos exemplares de falsa acacia de grande porte foron entregados ao CEIP de Outes para a súa utilización en actividades educativas.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.