Categorías
Noticias

Voluntariado do 29 de setembro en imaxes

O domingo 29 de setembro celebramos unha nova acción de voluntariado en Outes con 19 participantes de todas as idades. A acción do proxecto ReNatur_Outes centrouse na recollida de lixo (recolléronse case 200 kg de residuos nas xornadas do 21 e 29 de setembro), aproveitando a Limpeza Simultánea de Ríos convocada ese día, e continuouse coa retirada de especies exóticas invasoras na ribeira do Tins paralela á rúa Doutor Esperante, na parte posterior do CEIP de Outes.

Abatéronse varias falsas acacia (Robinia pseudoacacia) e continouse a retirar o manto de tradescantia (Tradescantia fluminensis) xunto con plantas do xénero Crocosmia e restos dun bosquete de bambú dourado (Phyllostachys aurea). Nesta xornada contouse coa inestimábel colaboración das voluntarias da asociación Noia Limpa así como de varios veciños da Serra de Outes que colaboraron coa retirada das ponlas derramadas.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Abatendo una falsa acacia (Robinia pseudoacacia) na ribeira do Tins

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *