O mércores 23 de outubro voltou á carga o voluntariado ambiental do proxecto ReNatur_Outes, na primeira intervención realizada logo das inundacións deste mes. Desta volta as protagonistas foron 23 participantes do programa da Asociación Misela, xunto con 8 monitoras deste colectivo e da Fundación Montescola.
A actuación permitiu eliminar boa parte dos residuos que chegaron ás ribeiras do tramo urbano e final do río Tins logo das últimas enchentes, incluíndo partes de mobiliario así como lixo de distinta natureza. En total retiráronse uns 20 kg de residuos así como centos de exemplares de tradescantia (Tradescantia fluminensis) e plantas do xénero Crocosmia.
Esta actuación súmase ás realizadas os días 18, 21 e 29 de setembro, e terá continuidade esta mesma semana con outra intervención na que participarán as usuarias da asociación ADISBISMUR de novo retirando lixo e invasoras do treito urbano do río Tins.







Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.