Categorías
Noticias

ADISBISMUR retira máis de 20 kg de lixo e plantas invasoras das ribeiras do Tins

Este mércores 30 de outubro foron 68 as participantes da última xornada de eliminación de especies invasoras e retirada de lixo do treito urbano do río Tins na Serra de Outes. Desta volta foron as usuarias da asociación ADISBISMUR acompañadas das monitoras da Fundación Montescola as que retiraron máis de 20 kg de materiais como parte do voluntariado ambiental do proxecto ReNatur_Outes.

A actuación permitiu continuar coa eliminación dos residuos que chegaron ás ribeiras do tramo urbano e final do río Tins logo das últimas enchentes así como retirar centos de exemplares de especies invasoras como a tradescantia (Tradescantia fluminensis) ou plantas do xénero Crocosmia. A partir de decembro comezarán as accións centradas na recuperación dos hábitats de ribeira coa plantación de árbores e arbustos nativos.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *