O xurado do Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade da Universidade das Nacións Unidas ven de fallar na 12ª edición dos Premios RCE para proxectos innovadores de educación para o desenvolvemento sustentábel, outorgando un galardón ao proxecto ReNatur_Outes de renaturalización do treito urbano do río Tins na Serra de Outes. Este premio é un recoñecemento ás boas prácticas educativas e nivel mundial e todo un impulso para o labor das entidades que participan no proxecto.
A Universidade da ONU, institución con sede en Tóquio, destacou a implicación da comunidade escolar a través do Proxecto Didáctico Integral do CEIP Plurilingüe de Outes, que converteu a escola nun motor para transfomar a relación da comunidade co río traballando durante todo un ano cuestións como os residuos, especies invasoras, infraestructuras urbanas, biodiversidads autóctona, sinalización didáctica, tradicións orais e patrimonio, espazos de observación así como a transformación completa do patio escolar para integralo coa zona de ribeira contigua.
Outro elemento chave foi a participación social no proceso, levando á Declaración de dereitos do río Tins e compromisos da comunidade de ribeira, primeira instancia na que se recoñecen os dereitos dun río en todo o Estado. Esa declaración levou á creación do Consello Fluvial do Río Tins, un órgano de participación que no sábado pasado recolleu os puntos de vista e propostas na sesión sectorial das persoas maiores que tivo lugar durante o XXVI Econtro dos Maiores de Outes, con máis de 500 participantes.
polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.