Categorías
Noticias

600 participantes na Sesión Sectorial de Maiores do Consello Fluvial do río Tins

Este sábado 30 de novembro tivo lugar na Serra de Outes a segunda sesión do Consello Fluvial do río Tins, un órgano de participación que emana da Declaración de Dereitos do río Tins, aprobada por unanimidade do pleno do Concello de Outes o pasado mes de febreiro. Desta volta celebrouse a Sesión Sectorial das Persoas Maiores que tivo lugar no Polideportivo Municipal en paralelo ao XXVI Econtro dos Maiores de Outes, que reuniu a máis de 600 participantes.

A sesión tiña como obxectivo recoller as ideas e propostas da veciñanza máis maior do concello tanto sobre as accións que se están realizando como parte do proxecto ReNatur_Outes como sobre as distintas intervencións a executar na zona fluvial. A xornada organizouse mediante grupos de diálogo e escoita, formados cada un por entre 4 e 6 persoas, que achegaron e discutiron entre sí as problemáticas ligadas ao río, tendo moi presente a enchente que causou as inundacións do pasado mes de outubro.

Cada grupo comezou abordando as mudanzas e transformacións do río Tins ao longo da vida das participantes, procurando identificar aqueles elementos do pasado que sería adecuado recuperar para mellorar o estado da contorna fluvial. Posteriormente, identificáronse as actuacións que consideran máis relevantes no presente. En total, os 33 grupos de diálogo e escoita elaboraron cadansúa conclusión principal.

Entre as ideas máis recorrentes nos grupos, destácanse:

  • Importancia de recuperar os labores de conservación e mantemento do leito do río, como poden ser as podas selectivas e a eliminación de restos vexetais acumulados.
  • Necesidade de que se permita a implicación da veciñanza na realización dos traballos de conservación e mantemento, como aconteceu sempre históricamente. Laméntase que non se dean permisos para estes labores na actualidade.
  • Preocupación pola desaparación ou reducción drástica das poboacións de salmónidos, procurando atallar os factores que estás detrás da merma destas especies.
  • Destácase o valor histórico e social do río e amósase unha preocupación polo estado dos elementos do patrimonio cultural como muíños, presas, pontellas, etc., así como as historias ligadas a usos tradicionais como lavar a roupa, bañarse ou coller auga.
  • Valórase moi positivamente o paseo fluvial máis hai preocupación pola falta de seguridade en certos treitos da senda fluvial, nos que existe risco de caída e nos que se propón instalar varandas. Tamén se propón a creación doutra ponte que conecte as dúas beiras.
  • Necesidade de integrar paisaxisticamente aqueles treitos de ribeira atravesados por estradas ou que actualmente están con cemento.
  • Recoméndase concienciar a veciñanza para que non se tire lixo no río e se coide a súa contorna.
  • Recoméndase ampliar o ámbito de actuacións como as do proxecto ReNatur_Outes a todo o percurso fluvial, máis alá do treito urbano.

Un modelo de participación innovador

Esta é a segunda sesión do Consello Fluvial e a primeira das sesións sectoriais, que continuarán organizándose ao longo dos próximos meses. O Consello prevé a organización de sesións plenarias, abertas á participación de toda a veciñanza e axentes sociais, así como sesións sectoriais (dirixidas a determinados grupos de interese), sesións asíncronas (convocadas durante un determinado período de tempo no que se producen múltiples encontros descentralizados para discutir un asunto coa poboación en xeral ou con determinados grupos de interese), sesións telemáticas (nas que se recadará o parecer da poboación en xeral ou de determinados grupos mediante medios electrónicos complementados con alternativas en papel) e sesións abertas, realizadas durante eventos públicos.

Deste xeito quíxose fuxir da estrutura tradicional dos órganos consultivos das administracións, nos que se designan unha serie de integrantes permanentes e se establece un esquema de funcionamento burocrático. Para iso, partiuse das propostas achegadas durante as dúas sesións de gobernanza organizadas en 2023, nas que moitas participantes apuntaron as dificultades de participar con esquemas ríxidos. Estas sesións deron lugar á Declaración de Dereitos do río Tins, na que por primeira vez se lle recoñecen os dereitos a un río no noso país, e na que se asumía o compromiso de garantir a participación da veciñanza na gobernanza e nas decisións que se adopten sobre o río Tins e as súas ribeiras.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *