Categorías
Noticias

A veciñanza de Outes prioriza o valor natural e paisaxístico do río Tins

Na fin de semana do 14 e 15 de decembro celebrouse na Serra de Outes a terceira convocatoria do Consello Fluvial do río Tins, contando coa participación de 95 persoas durante unha sesión aberta na que a veciñanza que se pasou pola tradicional Feira de Nadal puido facer as súas achegas e propostas en relación ao proceso de renaturalización fluvial.

Durante a sesión preguntouse ás participantes “que é o máis importante do río para vós”, sendo que para o 60% o máis valioso é o valor natural e paisaxístico. Para o 37%, o aspecto máis relevante é o valor de uso recreativo, para actividades como andar, correr or bañarse no verán.

A sesión tamén recolleu as propostas da veciñanza, que reflexan estas mesmas prioridades. Destacaron as propostas relativas ao acondicionamento de áreas para o baño, a necesidade de impedir a contaminación por pesticidas e outras verteduras, a necesidade de manter limpo o río e a súa contorna, a recuperación das poboacións de salmónidos, e restauración e posta e valor de elementos do patrimonio cultural como muíños e pontellas, a conservación da vexetación e da fauna ou a importancia das labores de conservación e mantemento do leito do río para minimizar o impactos das enchentes.

Un modelo de participación innovador

O Consello Fluvial é un órgano de participación que emana da Declaración de Dereitos do río Tins, aprobada por unanimidade do pleno do Concello de Outes en febreiro de 2024. O Consello prevé a organización de sesións plenarias, abertas á participación de toda a veciñanza e axentes sociais, así como sesións sectoriais (dirixidas a determinados grupos de interese), sesións asíncronas (convocadas durante un determinado período de tempo no que se producen múltiples encontros descentralizados para discutir un asunto coa poboación en xeral ou con determinados grupos de interese), sesións telemáticas (nas que se recadará o parecer da poboación en xeral ou de determinados grupos mediante medios electrónicos complementados con alternativas en papel) e sesións abertas, realizadas durante eventos públicos.

Deste xeito, é un instrumento inovador frente a estrutura tradicional dos órganos consultivos das administracións, nos que se designan unha serie de integrantes permanentes e se establece un esquema de funcionamento burocrático. Para iso, partiuse das propostas achegadas durante as dúas sesións de gobernanza organizadas en 2023, nas que moitas participantes apuntaron as dificultades de participar con esquemas ríxidos. Estas sesións deron lugar á Declaración de Dereitos do río Tins, na que por primeira vez se lle recoñecen os dereitos a un río no noso país, e na que se asumía o compromiso de garantir a participación da veciñanza na gobernanza e nas decisións que se adopten sobre o río Tins e as súas ribeiras.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *