As nenas e nenos do campamento Tempo de Nadal 2024-25 do programa Outes Concilia despidiron o ano plantando 200 pés de sabugueiro (Sambucus nigra), loureiro (Laurus nobilis) e salgueiro (Salix atrocinerea) nas ribeiras do río Tins, ao tempo que eliminaron varias manchas de Tradescantia fluminensis da zona fluvial. As cativas puxeron en práctica o método para plantar arbustos a partir de estaca, facendo primeiro buratos con piqueta para facilitar a fixación das plantas.
Con esta acción, contribuise ás medidas de restauración do bosque de ribeira do río Tins, que tamén inclúen a plantación de 300 árbores, compoñente que se completará este mesmo inverno na zona de Vista Alegre con medio cento de freixos e ameneiros.






Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.



No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.