Categorías
Noticias

Medio cento de freixos para o Parque de Vista Alegre en Outes

Os xoves 23 de xaneiro retómanse as plantacións de frondosas autóctonas como parte das intervencións de voluntariado ambiental para a renaturalización flivial do río Tins no Concello de Outes. Desta volta as persoas participantes plantarán medio cento de freixos (Fraxinus excelsior) e ameneiros (Alnus glutinosa), árbores frondosas propias dos bosques de ribeira, a carón do río Tins ao seu paso polo núcleo urbano da Serra de Outes. En concreto, desta volta a plantación realizarase no Parque de Vista Alegre, onde xa se realizou un aburatado previo para facilitar os traballos.

O obxectivo da acción, que forma parte do proxecto Renatur_Outes e que conta coa participación da Asociación ADISBISMUR é dobre: consolidar os noiros do río para evitar erosión e danos durante os episodios de enchentes e contribuir á recuperación dos ecosistemas de ribeira, pois estas árbores teñen unha especial importancia como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados. Con esta acción xa son medio milleiro de árbores e arbustos plantados nas ribeiras do Tins.

Pódese apuntar calquera persoa e de calquera idade enviando un email a info@montescola.org ata o mércores 22. Os traballos comezarán ás 10:00 e seguiranse ata as 13:30 aproximadamente, aproveitando a xornada para continuar coa eliminación simultánea de especies exóticas invasoras como a tradescantia ou crocosmia. O punto de encontro será o Parque de Vista Alegre.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *