Este xoves 23 de xaneiro as usuarias e monitoras da da Asociación ADISBISMUR plantaron 55 freixos no Parque de Vista Alegre da Serra de Outes como parte das intervencións para a renaturalización do tramo urbano do río Tins que impulsa o proxecto ReNatur_Outes. Con esta plantación son xa máis de 300 árbores frondosas, sobre todo freixos (Fraxinus excelsior) e ameneiros (Alnus glutinosa), árbores autóctonas propias dos bosques de ribeira, que se levan plantado como parte do proxecto, ás que se suman 200 arbustos así como fieitos endémicos.





O obxectivo da acción foi dobre: contribuir á recuperación dos ecosistemas de ribeira na zona da desembocadora do río Tins, situada xa en plena Rede Natura 2000, pois estas árbores teñen unha especial importancia como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados; e consolidar os noiros ao longo do tramo urbano do río para evitar erosión e danos durante os episodios de enchentes.
Na xornada de hoxe as voluntarias de ADISBISMUR tamén colaboraron na eliminación e control de especies exóticas invasoras, actuando sobre varias manchas de Tradescantia fluminensis, que foi retirada para permitir o asentamento das especies propias do Esteiro.



Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.