Categorías
Noticias

Liberado de eucaliptos o treito urbano do río Tins

O alumnado do IES Poeta Añón de Outes participou hoxe na retirada da biomasa e na plantación de arbustos nos noiros do leito como parte do proxecto ReNatur_Outes

Logo de máis de dous anos de traballo con centos de persoas voluntarias e escolares, o proxecto ReNatur_Outes deu por concluídos esta semana os traballos de eliminación de eucaliptos nas zonas de ribeira do río Tins ao seu paso pola Serra de Outes. Se no martes de cortaban 4 exemplares que sumaban máis de 10 toneladas, na mañá de hoxe o protagonismo foi da rapazada do IES Poeta Añón, que participou na retirada da biomasa resultante.

As 29 estudantes, xunto con profesorado e integrantes da Fundación Montescola, plantaron ademais medio cento de sabugueiros a partir de estacas nos noiros do leito fluvial, contribuíndo á renaturalización do bosque de ribeira e á consolidación do terreno fronte aos danos e arrastres que poidan causar futuras enchentes. Os traballos leváronse a cabo nunha zona na que a rapazada do IES Poeta Añón xa realizaran traballos para a eliminación de acacia negra en 2023.

Nos próximos meses talaranse os últimos exemplares de mimosa, acacia negra e falsa acacia que se descascaron o ano pasado, acadando o obxectivo de eliminar as especies exóticas invasoras arbóreas no treito urbano do río Tins. Tamén continuarán as accións de voluntariado e traballo con escolares para o control doutras especies invasoras como a a Tradescantia fluminensis, as plantas do xénero Crocosmia ou o bambú.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *