- Trátase dunha modalidade deportiva que combina a actividade física ao aire libre coa recollida de lixo e retirada de especies invasoras
- O proxecto ReNatur organiza unha primeira sesión este domingo 16, con premios para as distintas categorías (trote e paseo)
Esta semana chega á Serra de Outes a nova modalidade deportiva que combina actividade física con compromiso ambiental. Trátase do “plogging” (en galego, “corre-colle”), que consiste en apañar lixo ou retirar especies invasoras mentres se trota (en inglés, “jogging”) ou camiña nun entorno natural.
Se ben o proxecto ReNatur_Outes, que leva traballando máis de dous anos para a renaturalización flivial do río Tins no Concello de Outes, xa organizou ducias de actividades de voluntariado con fins similares, a actividade desta semana leva esta práctica a outro nivel. De feito, este primeiro torneo de “plogging” celebrarase o domingo 16 coincidindo co Trail de Outes, buscando que as numerosas persoas que acompañarán o evento poidan participar nesta actividade apta para todos os públicos, idades e condicións físicas.


A sesión comezará ás 9:30 ao pé da Casa da Cultura de Outes e as participantes só terán que vir uns minutos antes para se apuntar no momento nunha das dúas categorías: trote (jogging) ou paseo. A actividade finalizará ás 11:00, momento no que entregarán premios ás participantes máis destacadas en cada unha das modalidades. A organización achegará bolsas de lixo e luvas ás participantes.
Para aquecer motores, o proxecto ReNatur_Outes convocou un voluntariado de aquecemento previo o venres 14, na que tambén participarán as usuarias de Misela, Asociación de persoas con discapacidade da comarca de Noia e Muros. Esa sesión partirá igualmente da Casa da Cultura, neste caso de de 11:00 a 13:30.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas e sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.