- Universidades e institucións queren estudar e replicar o proceso que deu lugar fai un ano á aprobación da Declaración de Dereitos do río Tins
- O 17 de marzo debaterase a experiencia en Madrid e o 18 en Barcelona
Fai un ano o pleno do Concello de Outes aprobou por unanimidade a “Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da súa comunidade ribeirá”, logo dun proceso participativo coa veciñanza e as entidades locais desenvolvido no marco do proxecto ReNatur_Outes. Foi a primeira vez que se recoñecían os dereitos dun río en España. Desde entón, o caso de Outes converteuse nun exemplo a investigar e replicar. É por iso que o río se vai de xira para levar a experiencia a outros lugares.
O 17 de marzo o río Tins será o tema central dunha sesión organizada na Universidad Autónoma de Madrid dentro do evento “Técnicas de representación de la naturaleza”, organizado no marco do proxecto europeo Speak4Nature no que tamén participan a Università del Piemonte Orientale, do norte da Italia, e a Universidad Nacional del Litoral, da Arxentina. A sesión “Experiencias en España: el caso del río Tins y los Juicios por el Clima” terá lugar no Salón de Grados “Díez Picazo” de 12:00 a 14:00.


O día seguinte, 18 de marzo, o Tins estará presente en Barcelona como parte dos diálogos “Los derechos de la naturaleza y el paradigma ecocéntrico: Situación actual, aprendizajes y retos en el Sur y en el Norte Globales”, que organiza o Institut de Drets Humans de Catalunya. A partir dos exemplos do Tins e do Mar Menor, a xornada busca ideas para poñer en práctica estratexias de recoñecemento da natureza en Cataluña, onde xa hai procesos en marcha para os ríos Gaià e Ter así como para o Delta do Ebro.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas e sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.