As participantes de Misela recolleron este venres 50 kg de lixo das beiras do Tins e plantaron varios freixos
A xornada de “plogging” comezará o domingo ás 9:30
Este venres as usuarias de Misela, Asociación de persoas con discapacidade da comarca de Noia e Muros, abriron unha fin de semana intensa de traballos no treito urbano do río Tins en Outes, na que se recollerá lixo, eliminarán especies exóticas invasoras e plantarán árbores autóctonas. As participantes recolleron máis de 50 kg de lixo, incluíndo pezas de vehículos, sinais de tráfico, anacos dun parque infantil e innúmeros plásticos de todas as formas, cores e tamaños. Tamén plantaron varios freixos nunha zona na que o proxecto de ReNatur_Outes ven de talar eucaliptos de grande porte.
O domingo será o turno do do “plogging” (en galego, “corre-colle”), unha nova modalidade deportiva que combina actividade física con compromiso ambiental e que consiste en apañar lixo ou retirar especies invasoras mentres se trota (en inglés, “jogging”) ou camiña nun entorno natural, neste caso nas ribeiras do río Tins.




A sesión comezará ás 9:30 ao pé da Casa da Cultura de Outes e as participantes só terán que vir uns minutos antes para se apuntar no momento nunha das dúas categorías: trote (jogging) ou paseo. A actividade finalizará ás 11:00, momento no que entregarán premios ás participantes máis destacadas en cada unha das modalidades. A organización achegará bolsas de lixo e luvas ás participantes.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas e sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.