Os escaravellos da madeira teñen un papel crucial no funcionamento dos nosos bosques. As talas, as riadas, o desprendemento de polas e a morte natural das árbores proporciona ao medio grandes cantidades de madeira que poden ser aproveitadas por estes coleópteros para desenvolverse nas súas etapas larvarias, as máis longas do seu ciclo de vida. Por esta razón, facilitar parte desta madeira autóctona morta para crear refuxios de escaravellos (dos que tamén se aproveitarán moitos outros insectos) pode resultar un método relativamente sinxelo e de pouco custo mediante o cal fomentar a diversidade deste grupo de insectos. Neste proceso, estes organismos axudan a fragmentar e descompoñer esta madeira, acelerando a correcta circulación de materia orgánica e nutrientes.
Dende a Área de Ecoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, publicouse o pequeno libro divulgativo Visitando un refuxio de escaravellos. Introdución aos escaravellos e ás construcións de madeira para favorecer o seu hábitat natural, que axudará a achegar a importante labor destes seres vivos a todo o público interesado. Enmarcado no proxecto Renatur_Outes, asociado á renaturalización do tramo urbano do río Tins, este libro aborda diversas temáticas relacionadas cas boas prácticas en materia de xestión de madeira morta mediante as cales se pode axudar a protexer especies de escaravellos tan emblemáticos coma a vacaloura (Lucanus cervus) ou o gran capricornio (Cerambyx cerdo).
Esta publicación ten un enfoque divulgativo que facilita que tanto o público máis maior coma o máis cativo se poida achegar a este diverso grupo de animais e comprender mellor o papel que xoga na conservación dos nosos bosques. No tramo final do libro pódense atopar diversos recursos didácticos coma sopas de letras, encrucillados, coloreables ou mesmo un recortable en papel para que todo o público, seguindo os pasos indicados, poida montar a súa propia vacaloura na casa.
Animamos tanto ao público xeral coma aos centros escolares a empregar esta pequena guía para divulgar, xogar e aprender algo máis sobre os escaravellos, as boas prácticas en xestión da madeira morta e a ciencia cidadá. A guía atópase dispoñible en versión dixital e apta para descarga na páxina web do proxecto Renatur_Outes (https://renatur.outes.gal/publicacions) na que se poden atopar outras publicacións das diferentes organizacións vinculadas ao proxecto. A guía tamén se atopa dispoñible en liña mediante o DOI: 10.6084/m9.figshare.28425152. Nas vindeiras semanas realizarase a impresión e distribución a entidades e centros divulgativos da contorna de Outes, así coma a deposición na Biblioteca de Galicia, de varios exemplares en papel.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.