Categorías
Noticias

O río Tins centrará dúas novas accións de voluntariado ambiental na Serra de Outes

As intervencións terán lugar o venres 11 e o martes 15 de abril, eliminando especies invasoras e retirando lixo do río Tins e o seu esteiro

A actividade desta semana está aberta a todos os públicos e forma parte do proxecto ReNatur_Outes

O proxecto de renaturalización do río Tins en Outes programou dúas novas accións de voluntariado ambiental para este mes de abril, centrándose no percorrido final do leito fluvial até a súa desembocadura no esteiro, xa en Rede Natura 2000. A primeira convocatoria será o venres 11 para a recollida de lixo, e contará coa colaboración da Asociación A Creba, estando aberta á participación de calquera persoa que se queira achegar.

A segunda xornada terá lugar o martes 15 como parte das actividades do Campamento de Semana Santa de Outes e estará pensado para as máis cativas, que aprenderán a identificar e retirar as distintas especies exóticas invasoras presentes no tramo urbano no río. As accións teñen o dobre obxectivo de eliminar as especies exóticas invasoras presentes neste espazo protexido e continuar coa recollida de lixo procedente das enchentes do pasado inverno. Para participar apenas é necesario enviar un email a info@montescola.org ata o día previo a cada actuación.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *