Máis de 30 nenas e nenos dentre 4 e 11 anos participaron hoxe nunha acción no proxecto ReNatur_Outes para coñecer a biodiversidade do tramo urbano no río Tins ao seu paso pola Serra de Outes, ao tempo que apañaron lixo e identificaron algunhas das especies exóticas invasoras. Para iso contaron coas monitoras da Fundación Montescola e do propio Campamento de Semana Santa que organiza o Concello de Outes.
As crianzas tamén puideron comprobar como moitos dos arbustos (maioritariamente sabugueiros) que elas mesmas plantaron mediante estacas durante o campamento de Nadal, están xa agromando, o que permite rexenerar e renaturalizar o espazo de ribeira. Ao longo da mañá, recolleron varios capachos de lixo das marxes e zona do paseo fluvial.




Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.