O proxecto de renaturalización do río Tins en Outes programou unha nova acción de voluntariado ambiental para este mes de xuño, centrándose no percorrido final do leito fluvial até a súa desembocadura no esteiro, xa en Rede Natura 2000. A convocatoria será o sábado 28 de xuño para a eliminación de pes de falsa acacia, mimosa, bambú e tradescantia, estando aberta á participación de calquera persoa que se queira achegar.
A xornada comezará ás 10:00 sendo o punto de encontro a Casa da Cultura da Serra de Outes. As persoas voluntarias deben enviar un email inscribíndose a info@montescola.org até o xoves 26 de xuño. Ofrecerase un petisco ao final dos traballos (por volta das 13:00) na Casa da Cultura.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.