Na mañá do 24 de xullo o proxecto ReNatur_Outes contou coa colaboración das 75 crianzas do campamento de verán do Concello de Outes para instalar 4 caixas niño en varias árbores do treito urbano do río Tins ao seu paso pola Serra de Outes. As nenas e nenos decoraron as caixas nas xornadas previas á colocación e axudaron a escoller as localizacións e orientación máis adecuadas para favorecer o asentamento de especies de pequeno tamaño na próxima primavera.
A rapazada do campamento de verán tamén aprendeu sobre as especies de aves presentes na zona da man de técnicas da Fundación Montescola e do Concello de Outes. No percurso desde a Casa da Cultura tamén se implicaron na recollida de lixo, axudando a deixar o espazo fluvial limpo a poucas horas do inicio das festas do Santiaguiño.






Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.



No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.
