Informe do Secretario Xeral da ONU (parágrafo 34) en castellano, inglés, francés, árabe, chinés e ruso.
Un informe preparado polo Secretario Xeral da ONU e dirixido á Asamblea Xeral da organización internacional destacou o caso da Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá, aprobado por unanimidade do pleno en 2024, como exemplo do recoñecemento dos Dereitos da Natureza e de como estes contribúen para o desenvolvemento sostible. O caso pioneiro da Serra de Outes preséntase como exemplo a nivel mundial do recoñecementos destes dereitos desde o ámbito local, servido como elemento para as recomendacións para os estados membros da ONU e o propio sistema das Nacións Unidas para desenvolver un enfoque centrado na Terra.
A Declaración aprobada no seu día polo pleno do Concello de Outes fixo historia acordando por unanimidade a un texto consensuado pola veciñanza durante un proceso participativo. Trátase da primeira vez que un concello recoñece expresamente os dereitos dun elemento natural, neste caso os do río Tins, incluíndo o dereito á protección e á conservación, ou a non ser danado nin contaminado. A Declaración tamén asume unha serie de compromisos colectivos para asegurar que estes dereitos son respectados.
A Declaración inclúe 10 dereitos e 14 compromisos que xurdiron das discusións nas que participou o tecido asociativo local, a comunidade educativa e a veciñanza a título individual, así como representantes do propio Concello de Outes e das institucións que participan do proxecto ReNatur_Outes, de cuxo proceso xurdiu a Declaración agora aprobada.
A Declaración pretender servir como marco para orientar as políticas públicas relativas á xestión do espazo fluvial do río Tins e tamén como referente para iniciativas da propia sociedade civil, comunidade educativa e do tecido empresarial do concello, que xa está a traballar en diversas iniciativas asociadas ao coidado e posta en valor de todo o que representa o Tins.
5 de setembro: Coloquio sobre os Dereitos do Tins
Ao fío desta Declaración, o venres 5 de setembro terá lugar en ULA Libraría Social (Rúa da Capela, 11) un coloqui aberto a todos os públicos sobre os Dereitos do Tins. Organizado por veciñanza da Serra de Outes, o evento procura achegar a Declaración de Dereitos do río Tins e as restantes actividades do proxecto ReNatur_Outes á comunidade, presentando resultados, respondendo a cuestións e discutindo sobre o futuro do río. O coloquio con representantes das universidades, Fundación CEER e Fundación Montescola comezará ás 18:00 e continuará cun roteiro curto desde a Horta do Muíño no que se poderán coñecer algúns dos resultados do proxecto (refuxios de coleópteros, reintrodución de fieitos relictos, plantación de árbores e arbustos, caixas niños e zonas de control de invasoras).
Proxecto ReNatur_Outes
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.
