O proxecto ReNatur_Outes para a renaturalización do río Tins programou máis unha acción de voluntariado ambiental para a domingo 21 de setembro, encadrada desta vez na XVIII Limpeza Simultánea de Ríos do Proxecto Ríos que coordena desde 2008 o Proxecto Ríos de ADEGA. Nos últimos anos as voluntarias de ReNatur retiraran xa centos de quilos de refugallos do leito do Tins, con especial incidencia logo das cheas do pasado inverno.
A acción deste mes de setembro ten o dobre obxectivo de continuar retirando residuos mentres se controlan posibles rebrotes de especies exóticas invasoras como a acacia, o bambú, a tradescantia ou a crocosmia, sobre as que tamén se leva actuando intensamente desde o inicio do proxecto.

O punto de encontro será a Casa da Cultura da Serra de Outes e a actividade decorrerá entre as 11:00 e as 13:00. A convocatoria está aberta a todos os públicos, sendo necesario enviar un email ata o día antes a info@montescola.org
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.
