Categorías
Noticias

Os dereitos do Tins a debate en Outes

Unha trintena de veciñas participaron no faladoiro sobre os dereitos do río Tins e o proxecto de renaturalización do río Tins organizado no serán do venres 5 na Libraría Social ULA. Organizado por veciñanza de Outes, o evento procuraba achegar a Declaración de Dereitos do río Tins e as restantes actividades do proxecto ReNatur_Outes á comunidade, presentando resultados, respondendo a cuestións e discutindo sobre o futuro do río.

O coloquio contou coas intervencións de Joám Evans, diretor da Fundación Montescola, e Jonatan Rodríguez, investigador da Universidade de Santiago de Compostela, que expuxeron algún dos resultados e desafíos do proxecto, levando a un animado coloquio coas participantes.

A seguir, iniciouse un roteiro desde a Horta do Muíño no que se puideron coñecer de primeira man algúns dos resultados do proxecto (refuxios de coleópteros, reintrodución de fieitos relictos, plantación de árbores e arbustos, caixas niños e zonas de control de invasoras), da man das explicacións das entidades socias do proxecto.

Proxecto ReNatur_Outes

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *