Categorías
Noticias

Comezan os traballos de renaturalización do río Tins

O venres 3 de marzo celebrarase a partir das 11:30 no Centro Social da Serra de Outes o Seminario de Inicio do proxecto Renatur_Outes que nos próximos anos traballará para a recuperación ambiental do río Tins ao seu paso polo núcleo urbano de Outes. No seminario faranse públicas as liñas mestras do proxecto para a súa discusión coa veciñanza e outros axentes locais (ver Programa). Tamén se avanzará cunha primeira plantación de árbores de ribeira e un pequeno roteiro de identificación de espécies exóticas invasoras en colaboración cos centros de ensino locais.

Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acácia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmi, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Programa do seminario de inicio

No seminario do día 3 de marzo estarán presentes asociacións, colectivos e veciñanza de Outes e a súa contorna, representantes da comunidade educativa, os reitores das tres universidades públicas galegas así como representantes do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e autoridades locais.

Abrirase o seminario coas intervencións das autoridades, seguida dunha breve explicación de todos os aspectos do proxecto por parte das entidades participantes. Ás 12:30 realizarase a primeira sesión de gobernanza xunto coa cidadanía e colectivos locais, rematando a xornada cunha pequena andaina polas marxes do río onde se realizará unha primeira plantación de árbores de ribeira e se identificarán as especies invasoras presentes xunto co colexio e o instituto locais.

Os seminario e as futuras actividades do proxecto están abertas a toda a veciñanza e colectivos que teñan interese en participar (ver Convite).

Categorías
Noticias

Bota a andar o proxecto de renaturalización do río Tins

O proxecto Renatur_Outes ten como obxectivo renaturalizar o río Tines ao seu paso polo concello de Outes (A Coruña). Esta iniciativa, subvencionada pola Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, e coordinado polo Centro de Estudos Euro-Rexionais de Galicia e Norte de Portugal (CEER) contará coa participación activa de expertos das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, así como coa Fundación Montescola.

Dentro das actividades deseñadas para o Renatur_Outes e coordinada polo departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Universidade da Coruña e o Concello de Outes, realizarase unha estratexia de reordenación e integración ambiental. Desenvolveranse tamén actividades de fomento da biodiversidade asociada ao río como a xestión adaptativa de barreiras transversais, creación de illas de biodiversidade, asentamentos de coleópteros ou propagación de fentos termófilos, coordinadas polo departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo e polo Grupo de Investigación de Análise e Conservación da Biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela.

Acometeranse así mesmo, lideradas pola Fundación Montescola, accións de recuperación de bosque de ribeira, eliminación de especies exóticas e invasoras, como Acacia spp ou Tradescantia fluminensis, limpezas do río e incluirá unha importante batería de accións de formación e divulgación á poboación da contorna, liderada pola Fundación CEER e o Concello de Outes, de voluntariado ambiental e de participación pública da cidadanía de Outes con actividades de ciencia cidadá, de coñecemento do medio, rutas medioambientais, xornadas de plantación de bombas de biodiversidade, talleres con escolas, asembleas de información cidadá e participación pública.

O proxecto arranca este mes de setembro e se desenvolverá até finais de 2025 cun orzamento de preto dun millón de euros.