Fentos termófilos

Testemuñas verdes do pasado subtropical europeo

Os ecosistemas do presente son o froito de complexas interaccións entre especies e ambiente ao longo de millóns de anos. Entre os factores determinantes, o clima xogou un papel clave, marcando os límites da distribución das especies e forzando respostas como a migración, a adaptación ou a extinción.

Durante o Terciario, boa parte de Europa estaba dominada por un clima cálido e húmido, propicio para bosques densos de tipo subtropical. Porén, a partir do Mioceno Medio (hai uns 15 millóns de anos), este clima foi deteriorándose, dando paso a condicións máis áridas e marcadas estacionalmente. Esta mudanza climática foi crucial para a desaparición de moitas especies subtropicais europeas, que só lograron sobrevivir en certos refuxios climáticos.

A Macaronesia (Canarias, Madeira e Açores) destaca como un dos principais redutos destas floras antigas, especialmente a través das súas laurisilvas. No continente europeo, a península ibérica tamén xogou un papel refuxio, mantendo unha sorprendente diversidade de fentos relictos.

Entre estas especies destaca Dryopteris guanchica Gibby & Jermy, un fieito de distribución disxunta entre o noroeste da península ibérica e as Illas Canarias occidentais. Esta especie é un alotetraploide, isto é, reune os xenomas de dúas especies, derivada dun evento de hibridación entre Dryopteris maderensis Alston, endemismo da Madeira, e Dryopteris aemula (Aiton) Kuntz unha especie europea ligada a florestas húmidas e sombrizas de forte influencia atlántica.

Dryopteris guanchica Gibby & Jermy (foto: P. Rodeiro)

Outro exemplo fascinante é Woodwardia radicans (L.)Sm., un fieito relicto do Terciario que se conserva hoxe en día en zonas húmidas do suroeste europeo e a Macaronesia. É unha especie termófila, amante da humidade constante, que medra en ladeiras sombrizas e sobre solos ricos, a miúdo perto de cursos de auga. A súa distribución fragmentada abrangue desde Galiza, o norte de Portugal e Andalucía até Madeira, Canarias e os Açores.

Woodwardia radicans (foto: J. Calvo)

Ambas as especies D. guanchica e W. radicans parecen testemuñas vivas dun pasado climático máis húmido e cálido. A súa presenza actual na Galiza e na Macaronesia apoia a hipótese da existencia de refuxios climáticos estábeis onde estas especies puideron sobrevivir ás glaciacións do Plistoceno.

A conservación destes fentos non é só importante desde o punto de vista botánico ou ecolóxico, senón tamén como unha forma de preservar a memoria viva da evolución dos ecosistemas europeos. En tempos de mudanza climática, as leccións do pasado poden axudarnos a preparar mellor a súa protección no futuro.