Obxectivos

Observamos a necesidade de protexer e recuperar o bosque de ribeira, actualmente escaso. Existen varias barreiras transversais que deben ser adaptadas para recuperar o continuo fluvial. Detectamos a presenza de plásticos e residuos urbanos na canle do río e, polo tanto, realizaranse sesións de limpeza que se integrarán nas actividades de sensibilización e desfrute ambiental pensadas para a cidadanía. Observamos a presenza de especies invasoras (Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Agave Americana, Oxalis pes-caprae e Tradescantia fluminensis) e especies exóticas potencialmente problemáticas (Conyza spp., Crocosmia x crocosmiiflora, Eucalyptus, globulus. Persicaria capitata, Pittosporum spp., Phyllostachys spp., Robinia pseudoacacia e Zantedeschia aethiopica). Nas actividades de erradicación de invasoras, os colectores existentes aproveitaranse para xerar compost.

Existen espazos abertos pobres en biodiversidade que se poden recuperar: imos crear illas de biodiversidade deixando pequenos espazos con herbas silvestres autóctonas, especies con flores entomófilas que atraian os polinizadores e algunhas arbustivas. Aproveitaremos a madeira de cortas e talas de caducifolias nativas para favorecer o establecemento de coleópteros (por exemplo, Lucanus cervus). Compraranse propiedades anexas ao río para recuperar tramos de vexetación fluvial. E, no tocante á necesidade de concienciación e sensibilización ambiental, realizaremos actividades de ciencia cidadá implicando á cidadanía en todas as accións.

Recuperación da vexetación de ribeira, aumento da biodiversidade vexetal e animal, mellora do continuo fluvial e do estado ecolóxico das augas; mitigación do risco de inundación mediante a recuperación da vexetación de ribeira, eliminación do risco de proliferación de especies alóctonas e invasoras, sensibilización ambiental e participación cidadá na mellora e mantemento do estado ecolóxico de todo o tramo fluvial urbano e augas arriba. Aumentar o coñecemento dos endemismos presentes, como o Narcissus cyclamineus, así como de toda a biodiversidade vexetal e animal vinculada ao río (Cinclus cinclus, Chioglossa lusitanica, Discoglossus galganoi, Rana iberica, Lissotriton boscai, Lutra lutra, Salmo trutta, Chalcides striatus, Lacerta schreiberi , etc.)

  • Elaboración da estratexia de renaturalización fluvial, redución do risco de inundación e reordenación e integración do espazo fluvial.
  • Recuperación do bosque de ribeira.
  • Fomento da biodiversidade asociada ao río.
  • Limpeza e mantemento da canle fluvial.
  • Eliminación de especies invasoras e exóticas potencialmente problemáticas.
  • Concienciación e sensibilización ambiental da cidadanía.