Categorías
Noticias

15 de xuño: 2ª xornada de eliminación de especies invasoras

O xoves 15 de xuño continúan as accións de eliminación e control de especies exóticas invasoras no entorno fluvial do río Tins no Concello de Outes, como parte do proxecto Renatur_Outes. Nesta segunda xornada de traballo, que se realizará entre as 10:00 e 11:30 da mañá, a intervención centrarase na eliminación de exemplares de acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e falsa acacia (Robinia pseudoacacia), así como nunha primeira intervención demostrativa sobre unha zona con herba da fortuna (Tradescantia fluminensis).

Para participar só é preciso estar ás 10:00 no punto de encontro (rúa Doutor Esperante, entre o río Tins e a parte posterior do patio do CEIP de Outes). Pódese traer unha navalla ou machada pequena para o descasque e un enciño para a eliminación de tradescantia. A organización proporcionará luvas ás participantes.

O descasque consiste nunha incisión en anel por volta do tronco ata chegar á madeira (xilema) que permite remover a casca (floema e tecidos exteriores) desde o corte ata a raíz, facilitando que a árbore seque en pé. As participantes aprenderán a utilizar esta técnica de xeito práctico e a utilizala pola súa conta en intervencións futuras. Apenas é necesario unha pequena navalla ou obxecto incisivo similar para realizar o entalle do anel.

Liderado polo Concello de OutesRenatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *