Categorías
Noticias

Auga limpa e biodiversidade: o máis prezado do río Tins

Como parte da 1ª Sesión de gobernanza: “O Futuro do río Tins”, organizada na Casa da Cultura de Outes o pasado 3 de marzo como parte do proxecto ReNatur_Outes, medio cento de participantes valoraron a importancia que para cada quen teñen certos aspectos da súa relación co río Tins, desde o arborado e a biodiversidade ata a relación coa ría ou o patrimonio histórico e cultural.

Das 42 respostas válidas que se analizaron, a maioría destacaba a importancia da auga limpa como aspecto chave do río Tins (cunha puntuación de 9,98 de 12) mentres que a beleza do lugar tivo a menor das puntuacións (con 5,35). O primeiro elemento garda relación cos propios usos que as participantes manifestan dar ao río, entre os que destacan os recreativos ligados ao baño e á pesca.

Outros elementos ambientais (como a biodiversidade, o río como fonte de vida e parte do ciclo hidrolóxico, o espazo fluvial como corredor de biodiversidade ou o propio arborado de ribeira) recibiron puntuacións altas, de entre 7,48 e 8,29 puntos, mentres que a relevancia do río como lugar de festas e celebracións, a relación coa ría ou os propios dereitos e axencia do río recibiron puntuacións intermedias.

Gráfico 1. Elementos máis valorados da relación das participantes co río Tins

A percepción que a veciñanza e outras persoas usuarias teñen do espazo fluvial fo río Tins é chave para consensuar as accións que se levarán a cabo nos próximos anos como parte do proxecto e para imaxinar un futuro colectivo para o río Tins. Dentro desa visión, o proxecto empregará os resultados cuantitativos e cualitativos da primeira sesión de gobernanza para elaborar un primeiro borrador de carta ou declaración de dereitos do río Tins e dos dereitos e responsabilidades da comunidade local que nos axude a traballar para o futuro do río Tins que queremos a través dun órgano de gobernanza e participación. Eses elementos serán abordados na seguinte sesión de gobernanza, a celebrar no próximo outono.

Durante a primeira sesión de gobernanza tamén houbo espazo para que as participantes imaxinaran como lles gustaría que fose o río Tins daquí a 10 anos, en 2033. Entre o imaxinario xerado resultaron recorrentes a recuperación dos espazos para o baño (especialmente entre as participantes máis novas) ou a recuperación de muíños coas súas infraestruturas de modo que poidan verse unha vez máis en funcionamento. Tamén se destacou a necesidade de recuperar a fauna fluvial, hoxe minorada, con medidas como introducir ou mellorar escalas para peixes en certos puntos, completar e mellorar o saneamento na cunca do Tins ou eliminar a contaminación procedente do uso de xurros.

Varias participantes remarcaron a necesidade de considerar o río Tins de xeito integral, máis alá da zona urbana na que se focaliza o actual proxecto ReNatur-Outes. Referíronse, entre outros espazos naturais e elementos de arquitectura popular, as fervenzas da Capela de San Paio e a visión dunha senda peonil que una a Serra de Outes cos treitos altos do río Tins recuperando as servidumes de paso fluviais. Finalmente, destacouse a importancia de potenciar a agricultura ecolóxica nas zonas de ribeira ligada a unha gastronomía local de calidade.

Liderado polo Concello de OutesRenatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *