Categorías
Noticias

28-30 xullo: Campamento de voluntariado ambiental no Tins

Do 28 ao 30 de xullo terá lugar na Serra de Outes o primeiro Campamento de voluntariado ambiental no río Tins, como parte do proxecto Renatur_Outes. Durante tres días as voluntarias participantes coñecerán de primeira man a situación do treito urbano do río Tins e contribuirán activamente na súa renaturalización, eliminando especies exóticas invasoras, limpando a ribeira e formándose en mini-obradoiros co obxectivo de formar as persoas participantes.

Durante os tres días habilitarase unha zona de acampada tanto para as voluntarias que se acheguen de fóra de Outes como para as veciñas que queiran gozar do Tins dun xeito distinto nestas xornadas. Está aberto a participantes maiores de 18 anos e a familias con menores de calquera idade. Para máis información ou para inscribirse débese enviar un email a info@montescola.org O prazo de inscrición finaliza o 25 de xullo.

O programa provisional pode consultarse a continuación e o contido dos mini-obradoiros de formación anunciarase nas próximas semanas:

Programa

Venres 28

18:00 Recepción de participantes e instalación de tendas (para quen acampe).
19:00 Benvinda, presentación do proxecto ReNatur_Outes e explicación do programa.
19:30 Roteiro polo Tins e identificación das zonas de intervención do acampamento.
21:00 Convivio.

Sábado 29

08:20 Almorzo.
09:00 Inicio dos traballos de voluntariado ambiental.
11:00 Pausa.
14:30 Comida de convivio.
16:00-19:30 Tempo de lecer para descubrir o Tins.
19:30-21:00 Mini-obradoiros de formación.
21:00 Convivio.

Domingo 30

08:20 Almorzo.
09:00 Inicio dos traballos de voluntariado ambiental.
11:00 Pausa.
14:30 Comida de convivio.
16:00-19:30 Visita ás Fervenzas de San Paio.
19:30 Despedida (até a próxima!).

Liderado polo Concello de OutesRenatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *