No marco da celebración do 50º aniversario do CEIP de Outes, que terá lugar no centro educativo o venres 16 de xuño entre as 17:00 e as 19:00, ReNatur_Outes súmase ás conmemoracións cunha actividade aberta á participación de toda a comunidade escolar e persoas interesadas: ALÉN DO PATIO. Mapeo emocional do río Tins.
Será unha actividade introductoria, realizada a partir de información recompilada para o Estudo técnico, histórico e paisaxístico do río Tins, en proceso de elaboración. A través dun mapa xigante e fotografías convídase ás participantes a reflexionar sobre as características das distintas zonas do río, as emocións que suscitan, as actividades que se realizan nelas ou as que se podería e nos gustaría realizar.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Dentro das actividades deseñadas para o Renatur_Outes e coordinada polo departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Universidade da Coruña e o Concello de Outes, realizarase unha estratexia de reordenación e integración ambiental na que se enmarca esta actividade.