Categorías
Noticias

15 de abril: 1ª xornada de voluntariado ambiental

O sábado 15 de abril comezan as intervencións de voluntariado ambiental para a renaturalización flivial do río Tins no Concello de Outes, como parte do proxecto Renatur_Outes. Nesta primeira xornada de traballo plantaranse medio cento de ameneiros (Alnus glutinosa) nas marxes do río, acción coa que se pretende minimizar a erosión en épocas de cheas e restaurar o hábitat prioritario de bosque de ribeira, no que os ameneiros teñen unha especial importancia como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados.

Pódese apuntar calquera persoa (ata un límite de 50 prazas) ata o xoves 13 de abril enviando un email a info@montescola.org ou apuntándose na Casa do Concello. A atividade terá lugar de 10:30 a 13:30 e incluirá unha sesión de identificación de especies exóticas invasoras para a súa eliminación en próximas intervencións. O punto de encontro será a Casa da Cultura da Serra de Outes.

Liderado polo Concello de OutesRenatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acácia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *