Categorías
Noticias

Plantan medio cento de ameneiros no río Tins

Unha ducia de voluntarias participaron no sábado 15 de abril na primeira das intervencións de voluntariado ambiental para a renaturalización flivial do río Tins no Concello de Outes, como parte do proxecto Renatur_Outes. Nesta primeira xornada de traballo plantáronse medio cento de ameneiros (Alnus glutinosa) nas marxes do río, acción coa que se pretende minimizar a erosión en épocas de cheas e restaurar o hábitat prioritario de bosque de ribeira, no que os ameneiros teñen unha especial importancia como refuxio de invertebrados bentónicos e pequenos invertebrados.

Logo da plantación, que terá continuidade a partir no próximo inverno con máis intervencións, as voluntarias participantes realizaron un roteiro de identificación de especies exóticas invasoras nas zonas nas que se vai intervir nas seguintes accións de eliminación e control.

Liderado polo Concello de OutesRenatur_Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acácia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, mais xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *